Escola Lubiáns

O Escola Lubians de Hockey y Patinaxe é un club galego de hóckey a patíns e patinaxe artística da cidade de Carballo. Foi fundado en 1983 e actualmente compite na Liga Sénior Masculina. Os equipos de todas as categorías e seccións do club disputan as súas competicións como locais no Pavillón Carballo Calero da capital bergantiñá.

O club debe o seu nome á Ponte Lubiáns, de orixe romana, que une os concellos de Carballo e Coristanco cruzando o río Anllóns.

NUESTRA COMISIÓN DIRECTIVA:

PRESIDENTE: David García Bermúdez

VICEPRESIDENTA: Beatriz Gracia García

SECRETARIA: Rosa María Baldomir Rios

TESORERO: Miguel Angel Velo Pose

VOCALES:
Juan Carlos Rey Gesto
José Antonio Fraga Ferro
José Tato Villar
Manuel Pardiñas Reino
Javier Fuentes Cambre
Ivana María Villar Rojo

 

Historia

As orixes do club remóntanse a setembro 1983, cando o Concello de Carballo, facéndose eco da afección que a patinaxe espertaba na localidade, aproveitou a promoción duns cursos que a Deputación da Coruña estaba a realizar para a promoción deste deporte fora da capital coruñesa, creando unha escola de hóckey a patíns baixo a dirección do xogador do HC Liceo Alberto Galmán e patrocinada polo propio Concello. A pesar do alto custo que supuña a adquisición do material necesario para a práctica deste deporte, inscribíronse na escola máis de 100 rapaces e rapazas, polo que Galmán tivo que contar coa axuda do carballés Jesús M. Suárez Aran.

Ese mesmo ano, na tempada 1983-84 inscribíronse os dous primeiros equipos de hóckey a patíns carballeses na categoría benxamín, competindo a nivel provincial baixo o nome de Bergantiños Calvo. Con todo, os problemas por non ter unha pista preparada para a práctica deste deporte en Carballo levaron aos equipos a disputar os seus partidos na cidade da Coruña, un problema que se prolongaría ata a tempada 1985-86.

En xuño de 1984 constituíuse a primeira xunta directiva da Escola de Hóckey, por Eduardo Antonio Castro García. Aprobáronse os estatutos, o anagrama e decidiuse que o club se chamase Escola Lubiáns de Hóckey a Patins. A primeira directiva estaba composta por Andrés Breijo Castrillón como secretario, Teresa Díaz como tesoureira e Constantino Seoane, Luis González e Francisco Pichel como vogais. O anagrama da Escola foi realizado por Jaime Díaz Alonso e Narciso Varela Ferreiro, representando os arcos da ponte Lubiáns e unhas bólas e un stick de hóckey. Tito Argueso incorporouse ao cadro de adestradores do club.

En 1984 construíuse o Pavillón Vázquez Mouzo no lugar da Grela, preto da zona de Carballo de Arriba, que custou 90 millóns de pesetas. A inauguración do novo pavillón e a consecución da instalación dos valados regulamentarios posibilitou que na tempada 1985-86 o club puidese competir na vila logo de varios anos xogando na Coruña. Esa tempada o club puxo catro equipos en competición nas categorías benxamín, alevín e infantil.

En 1996 o Concello de Carballo adaptou o recentemente construído Pavillón Bergantiños para a práctica do hóckey a patíns, o que propiciou o traslado dos adestramentos e partidos oficiais ao novo pavillón. O club realizou nese momento unha reestruturación cunha nova directiva e cadro técnico, puxo en marcha a Escola de Patinaxe, e realizou a esponsorización de todos os equipos, medidas que levaron á entidade un maior crecemento, especialmente nas categorías inferiores.

Na tempada 1998-99 a Escola puxo seis equipos en competición en todas as categorías posibles, con equipos nos que, se ben a maioría dos xogadores eran de Carballo, tamén participaron rapaces doutros concellos próximos como Coristanco, Malpica de Bergantiños ou A Laracha, e mesmo outros máis afastados como Outes ou Muros. Foi esa tempada cando chegou o primeiro éxito do club ao clasificarse o equipo alevín ao sector como terceiro clasificado, en Alacant conseguiría proclamarse campión, e finalmente finalizaría na cuarta posición o Campionato Estatal disputado en La Felguera (Langreo).

A tempada 2000-01 supuxo un fito na historia da entidade: o traballo realizado por Jesús Pena Nuñez, que deixou a entidade ese ano, durante os últimos anos traduciuse en éxitos deportivos, ao lograr meter a tres equipos (alevín, infantil e xuvenil) nos sectores de clasificación do Campionato de España (dos cales a categoría infantil pasou á final, quedando en cuarta posición). Nese mesmo ano organizouse o I Torneo Escola Lubiáns Vila de Carballo, e a fase Sector infantil e a Final do Campionato de España da mesma categoría, coa participación de dous equipos galegos, un navarro, un canario, dous madrileños e dous cataláns, quedando campión o FC Barcelona e subcampión o Reus Deportiu, ocupando a terceira e cuarta praza o Patín Coruña e o Escola Lubiáns de Carballo; estes eventos supuxeron un éxito de público, organización e promoción do hóckey a patíns, así como promoción da propia vila.

Etapa dourada

Na tempada 2002-03 o equipo xuvenil acadou o campionato galego, conseguindo acceder ao sector nacional, obxectivo que tamén logrou o equipo infantil. Na 2003-04 o equipo infantil acadou o campionato galego, e loitou en Getxo polo Campionato de España, torneo que tamén xogou o equipo júnior.

En 2005 o Escola Lubiáns, da man de Manuel Souto, conseguía o ascenso a Primeira División.

As seguintes tempadas cumpríronse os obxectivos de meterse nos sectores (na tempada 2004-05 o fixeron os xuvenís e os júnior, e na tempada 2005-06 os xuvenís). O último ano no que o Escola Lubiáns disputou un sector ata a data foi na tempada 2006-07, cando o logrou o equipo infantil, cun equipo xusto, sen un só troco en toda a tempada, conseguiu o terceiro lugar, posto que tamén ocuparían posteriormente na fase sector.

Unha nova etapa

A partir da tempada 2006-07 prodúcese un cambio drástico, xa que os xogadores avanzan de categoría, mais por abaixo non hai novos alicerces. É cando a directiva decide dedicar todo o esforzo a crear unha nova base para o club. Nesta nova etapa levouse a cabo unha labor de captación nos colexios, de onde sae a renovación xeracional, presentada ante o público nunha nova edición do torneo, retomado logo de moitos anos.

En 2012 o club creou a súa sección de patinaxe artítistica.

En 2015 o equipo sénior, logo de eliminar ao Traviesas H.C. nos play-offs por 0-9 en Vigo e 7-1 en Carballo, clasificouse para a primeira final a catro da Liga Sénio Autonómica que se disputou no Pavillón Castelao de Ordes, e que clasificaba ao equipo campión para disputar a fase de ascenso a Primeira Nacional contra os gañadores de Asturias, Castela e León e o País Vasco. O equipo carballés comezou a fase final, disputada en formato de liguiña, cunha vitoria fronte ao H.C. Liceo por 5-4. Con todo, na segunda xornada da final a catro caía fronte aos dous equipos do Compañía de María, por 3-2 fronte ao Compañía de María «B» no primeiro dos dous partidos da xornada, repetindo o mesmo resultado fronte ao equipo «A».

Na tempada 2015-16 o equipo sénior presentouse coa única baixa de Pablo Añón, que asinara co RHC Lyon da Nationale 1 fracesa. Esa tempada o equipo carballés conseguiu clasificarse de novo para disputar a final a catro por segundo ano consecutivo logo de eliminar nos cuartos de final ao A.C. Ordes, enfrontándose en Carballo a Compañía de María, A.A. Dominicos e HC Liceo.

No verán de 2016 o club organizou xunto co Concello de Carballo a primeira edición do 3×3 Carballo, o primeiro torneo de hóckey a patíns tres contra tres organizado en Galicia e que foi avalado pola Real Federación Española de Patinaxe e que se disputou na fin de semana do 1 ao 3 de xullo.

En 2017 o equipo de veteráns do Escola Lubiáns converteuse nun dos catro equipos que competiron na Liga Galega de Veteráns xunto a Liceo, Oleiros e Compañía de Ferrol. Esa mesma tempada, logo dunha tempada irregular na que o equipo conseguiu finalizar na quinta posición a liga regular, o Lubiáns dirixido por Carlos Loureiro disputou o play-off clasificatorio para a final a catro da Liga Galega Sénior. O partido de ida disputouse no Pavillón Carballo Calero o 10 de marzo de 2018 fronte ao CH Compostela, cuarto clasificado na liga regular, finalizando cun empate a tres goles que deixaba aberta a eliminatoria, con todo, unha semana despois os carballeses caían nos últimos minutos do partido de volta por 2-0 no Pavillón de Vite, quedando fora da final a catro.

Logo da saída do club do adestrador Carlos Loureiro no verán de 2018 logo de 14 anos vinculado ao Escola Lubiáns, o ex-xogador do club Jorge Lamas «Cholo» fíxose cargo do club nunha tempada marcada polos trocos, cun cadro de xogadores considerablemente renovado polas baixas e as novas incorporacións procedentes da base do club. Os obxectivos do club estiveron marcados polas modificacións no formato de competición coa creación da OK Liga Bronce, co que os tres primeiros clasificados da Liga Galega xogarán a liguiña de ascenso á nova categoría. Os carballeses comezaron a tempada gañando o Torneo Villa de Gijón logo de derrotar aos anfitrións (2-5) e aos bilbaínos do Loyola Indautxu (8-0), torneo que os de Cholo utilizaron como preparación da Liga Galega que comezarían a fin de semana seguinte na súa casa fronte ao A.C. Ordes.

Ok Liga Bronce. Liga Nacional de Ascenso a Ok Liga Prata

Na tempada 2018/2019 o Calvo Lubiáns remata a Liga Galega Senior en 3ª posición con 15 partidos gañados, 2 empates e 5 derrotas, consenguindo de forma inesperada e contra todo pronóstico o colofón a unha tempada que pasará a historia do club como a primeira que se consegue acceder a unha Liga Nacional.
A participación do Lubiáns na Ok Liga Bronce deste ano supuxo un gran salto para o club, aumentando a entrada habitual ó pavillon, ó que se acercaba non só as xentes de Carballo senón moita xente do mundo de hockey de Galicia. A participación do Calvo Lubiáns na Ok Liga Bronce trouxo pola pista do Bergantiños a grandes do hockey como o Areces, Asturhockey e Booling (Asturias); Jolaseta (Euskadi); e Iruña (Navarra), ademais dos equipos galegos do Dominicos e Compañía de María.

A tempada 2019/2020 o Calvo Lubiáns xa parte co perfil de favorito para estar nos postos de arriba da liga, perfil que confirma xornada tras xornada rematando a Liga Galega en 2ª posición con 16 victorias, 1 empate e 3 derrotas no casilleiro.
A Ok Liga Bronce deste ano foi suspendida cando o Lubiáns só disputara 2 partidos da liga pola pandemia mundial do coronavirus.

Pavillón

O Escola Lubiáns xoga os seus partidos como local no Pavillón Carballo Calero da capital bergantiñá. O pavillón encóntrase no Complexo Deportivo Carballo Calero, un recinto inaugurado en 1995. A súa pista de linóleo, de 44×22 m, foi renovada en 2008 e que posúe un sistema de cortinas que permite dividir a pista en tres espazos independentes. Conta cunha capacidade máxima para 600 persoas e unha bancada con 450 asentos.

Presidentes

Dende a súa fundación ata 2018 o club tivo seis presidentes. Eduardo Antonio Castro García foi a primeira persoa en asumir a presidencia da entidade carballesa durante os primeiros catro anos da súa historia. A persoa que máis tempo estivo á fronte do club foi Fernando Fidalgo Cerviño, que asumiu a presidencia durante dez anos entre 2005 e 2015. A seguinte táboa presenta a todas as persoas que presidiron o club carballés ao longo da súa historia:

Presidentes do Escola Lubiáns:
Eduardo Antonio Castro García (1984-1988); Jesús Pallas Pose (1989-1991); Daniel Suárez Muiño (1992-1995); José Ramón Fernández Carballido (1996-2005); Fernando Fidalgo Cerviño (2005-2015); David García Bermúdez (2015-hoy)

Logros

  • 1998-99: 4º posto no Campionato de España (alevín)
  • 2000-01: 4º posto no Campionato de España (infantil)
  • 2002-03: Campión Galego (xuvenil)
  • 2003-04: Campión Galego (infantil)